Saturday 06 de July de 2024

O Concello destina 83.000 euros á Fundación Amigó para o desenvolvemento de programas de protección a familias, infancia e mocidade en situación vulnerable


A alcaldesa, Inés Rey, e o responsable da entidade, José Antonio Morala, asinaron os convenios de colaboración para este ano 2024

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o responsable da Fundación Amigó, José Antonio Morala, asinaron o acordo de colaboración para o financiamento de tres programas destinados á protección das familias, infancia e mocidade en situación de vulnerabilidade. A través de tres convenios, o Concello achegará un importe total de 83.000 euros para o presente ano.

Un dos convenios correspóndese co Proxecto de Acompañamento á Emancipación (PAE), mediante o que se xestionan vivendas destinadas a mozos e mozas, entre 18 e 21 anos de idade preferentemente, extutelados da Xunta de Galicia, que tras a súa maioría de idade necesitan un recurso residencial. Tamén teñen acceso a este programa rapazas e rapaces no mesmo rango de idade que se atopan nunha situación de gran vulnerabilidade e necesitan un apoio temporal de vivenda e acompañamento socioeducativo. Este convenio conta cunha achega de 40.000 euros.

Outro dos convenios coa Fundación Amigó destínase ao programa de apoio ás familias que sofren situacións de violencia filioparental. Conta cunha achega municipal de 28.000 euros. E o terceiro convenio correspóndese co programa Familia Educa, destinado a familias en risco de exclusión e cun importe de 15.000 euros.

A alcaldesa valorou a colaboración coa Fundación Amigó para afrontar algúns problemas que estamos a detectar desde a área de Benestar Social. “É preciso buscar novas fórmulas, sempre baseadas no acompañamento e a intervención social, para axudar a que moitos mozos e mozas poidan construírse un futuro e alcanzar a súa independencia persoal”, sinalou Inés Rey.

Neste ano 2024, o Concello mantén convenios nominativos por un importe de máis de tres millóns de euros con entidades que traballan pola inclusión, a loita contra as adiccións, os maiores, a infancia, a discapacidade e a defensa dos dereitos e o benestar de persoas enfermas e os seu familiares.